Xa hai referencias da Parroquia alá polo S. XIII, aínda que daquela se nomeaba como Valadares. O 2 de Febreiro de 1.341 Don Pedro Fernández de Castro ( Pertigueiro Maior da terra de Santiago, Mordomo do Rei e seu Endeantado Maior da Fronteira), oriundo de Vigo funda tres capelanías na Catedral de Santiago, doándolles o seu couto de Valadares e os seus coutos de Teis con todo o señorío, xurisdicción ,casas, casares, herdades, chantados, etc.
No 1.489 Valadares aparece como dependente de Santa Mariña de Vincios, sendo nesta data cando o Bispo Don Pedro Beltrán asinou o título de provisión á presentación do cabildo de Tui.
Valladares é cabeza do Marquesado do mesmo nome, que foi o 4 de abril de 1.673 a favor de Don Luís de Valladares Meira e Sarmiento. A Parroquia como tal, acredítase nos libros parroquiais a partires do 1.687.
Disfrutou do título de Vila dende 1.687 ata a reforma territorial de 1.837 e foi xurisdicción independente do ano 1.752 ata o 1.825 aproximadamente, pasando posteriormente a integrarse no municipio de Lavadores no que permanecería ata ser absorbida polo de Vigo.
No Século XVII as mulleres casábanse preferentemente e por esta orde con mozos de Beade, Matamá e de outros sitios entre os que destaca Coruxo. Un dos apelidos mais comúns é Guisande e nome mais frecuente Jacobo.
Nesta época o coto de Valladares, estaba composto por : Alcabre, Lavadores San Miguel de Oia, Cabral, Matamá, Freixeiro, e ademais Saxamonde, Nespereira, Quintela, Cabeiro e Vilar de Infesta.
Tradicionalmente Valadares era unha das parroquias nas que había un maior número de carros do país, que se ocupaban de levar o millo, a pedra e outros productos á cidade, aínda que lamentablemente hoxe en día practicamente xa non queda ningunha parella de bois, sendo estes sustituídos por tractores. Tiña feira de gando todos os meses ( non se sabe si no 8 ou no 17 día de cada mes).
En 1.821 pagaba de tributos 30.715 reais e 13 maravedis.