Skip to content Skip to navigation

Descrición Xeográfica

A parroquia de Valladares é unha das máis extensas do Concello de Vigo. Situada ao sur do Concello, abarca unha extensión que supera os 12,92 quilómetros cadrados. Ocupa a vertente este do monte Alba, polo que se configura como unha zona de interior cun relevo moi accidentado no que destaca a aliñación dos montes Alba, Cepudo e Galiñeiro, que separan o Val do Fragoso do Val do Miñor.

Valladares é a segunda parroquia en extensión do Concello de Vigo

Estamos pois, ante un val en altura, cunha altitude media de 240 metros sobre o nivel do mar (a altitude mínima está nos Cañotais a 115 metros e, a máxima no Cepudo a 525 metros), e as vertentes das montañas que o rodean. Precisamente polo escarpado destes montes, se desestimou a posibilidade de creación dun campo de aviación na parroquia, que propuxera o aviador lalinense Xoaquín Loriga.

Os principais montes son o Monte Cepudo, o da Sobreira (situado a 275 metros de altitude), o Alba (a 508 metros) e o dos Pozos (situado a 387 metros).

 

Vista  do Monte Alba coa Ría ao fondo

En dous destes montes: O Cepudo e Os Pozos, están emprazados cadanseu Parque Forestal. O primeiro deles ten unha extensión de 42.000 metros cadrados, mentres que o segundo ten 110.000 metros cadrados. En ambos existen unha serie de servicios como bar, restaurante, miradoiro (con impresionantes vistas das praias de Vigo, de Toralla, Baiona, Nigrán, as illas Cíes, Rande, Morrazo... ), teléfono público, mesas e asadores. Mentres o Cepudo é maioritariamente un piñeiral con exemplares illados de carballos, pradairos, castiñeiros, acevos, érbedos e bidueiros, nos Pozos hai gran cantidade de olmos, carballos americanos e bidueiros.

Parque Forestal do Monte dos Pozos

Os principais cursos de auga da parroquia son o Río do Foxo e o Río de Zamáns. Ambos son afluentes de outros ríos de maior entidade. O primeiro deles comeza no lugar do Foxo e, resulta da confluencia de dous regatos de menor entidade: o da Senra e o de Fonte Fría. O regato da Senra, tamén coñecido como Río da Barxa, recibe a súa vez as augas de dous regatos menores: o das Cortes e o do Groño. Pola súa parte o Río de Fonte Fría nace na zona que ten ese nome e que está entre Valladares e Beade, e ten como afluente o regato de Quintián, que ven de Beade fronte ao Fabás. Outro afluente do Foxo é o regato das Faixas, que recibe as augas do regato da Quinta. Unha vez que o río do Foxo abandona a parroquia, despois da entrada doutro afluente, o regato da Simona que ven de Beirán e da Simona, no Carregal, cambia a súa denominación pola de río Babio, ata a súa desembocadura no Lagares. No tocante ao río de Zamáns, trátase dun afluente do río Miñor. Nace a máis de 400 metros de altitude e pasa por Seoanes. Dende o importante Muíño das Maquías ata o Camiño da Fraga (que é o antigo Camiño Real que uniu Vigo e Tui) e ata que entra en Vincios actúa como a división natural entre o Concello de Vigo e o de Gondomar. Ten poucos afluentes de importancia, pero destaca o regato da Regamán que ven da ladeira do Alba e vai dar a Vincios.

Compre resaltar neste río a presa de Zamáns, ao pé do Galiñeiro.

Tamén hai algúns regatos na vertente do Alba. Un deles é o coñecido como Río Seco porque no verán leva moi pouco caudal, que baixa a Coruxo. Outro é o regato da Lapela. No Freixo, nace o regato de Arieiro que chega ata a extrema con San Andrés, e sigue por ela.  Muíño das Maquías, no barrio de Seoanes. Valladares linda ao sur co Concello de Gondomar, ao oeste co Concello de Nigrán, ao noroeste con Coruxo e San Andrés de Comesaña, ao norte con Matamá, ao este con Beade e, ao sueste con Zamáns. Existen marcos de delimitación das parroquias, algúns desapareceron e datan do ano 1600.

Vista dende o barrio das Barrocas

Os barrios de Valladares son: Carregal, Portal, Igrexa, Barrocas, Sobreira, Garrida e Freixo. Aínda que non está entre os sete barrios mencionados, Seoanes foi en tempos considerado como tal, debido á existencia dun pequeno núcleo de poboación antigo (Eira Vella). Na actualidade, é ligado habitualmente co barrio da Garrida.

O barrio do Carregal é o que está máis achegado ao centro urbano. Trátase do máis baixo da parroquia, o seu centro está situado a 140 metros de altitude sobre o nivel do mar. Preto ao lugar da Simona, na extrema con Matamá, está o Castro de Beirán, que foi o que deu os restos cerámicos máis interesantes da parroquia.

Os barrios da Igrexa (a 235 metros de altitude no Adro) e do Portal (a 195 metros, no cruce onde se celebrou a verbena) constitúen o centro neurálxico de actividade na parroquia, dado que no Portal é onde se emprazou o Centro Cultural, mentres que na igrexa está o principal edificio relixioso da parroquia e é onde se celebran as principais festas da mesma.  Situación da parroquia.

O barrio máis afastado do centro Parroquial é o do Freixo. Está composto por tres lugares: Freixo, Areíña e San Xoán; aínda que os dous primeiros soen estar agrupados baixo o nome de Freixo. A Biblioteca está situada a 258 metros de altitude. É ademais coñecido por albergar perante moitos anos o vertedoiro do Zondal. Na súa parte máis alta, o barrio é chamado polos veciños “o balcón de Vigo”, sen lugar a dúbidas polas inmellorables vistas da cidade e da ría.

O barrio máis extenso da parroquia é o das Barrocas, que no seu centro ten unha altitude de 265 metros.

A Sobreira (cunha altitude de 260 metros) está ao este da parroquia e limita con Beade e Zamáns. Neste barrio está outro dos castros máis importantes da parroquia.

Un dos barrios nos que máis se notou o incremento poboacional nos últimos corenta ou cincuenta anos é o da Garrida. O feito de que fosen os montes baixos da parroquia e a súa situación nun cruce de camiños favoreceron este factor. Así, na actualidade é o barrio con maior volume de poboación. O seu centro está situado a 277 metros de altitude.

A temperatura media anual é superior a da media de Galicia. Ao igual que no resto do Concello, esta é de 15ºC. A pluviosidade é inferior tamén á de outras zonas do interior, como Santiago de Compostela. Todo isto fai que sexa unha zona moi propicia para a actividade agraria. Na actualidade, a pesar de existiren bastantes terreos cultivados, o seu peso na economía familiar é mínimo, xa que os ingresos proveñen principalmente do traballo realizado no sector industrial ou no sector servicios.

Vista aérea seguindo o trazado do Segundo Cinto de Vigo co Parque Tecnolóxico e Loxístico ao fondo.

A súa situación periférica con respecto ao centro da cidade é hoxe beneficiosa para a parroquia, que se está a converter nunha zona residencial e industrial acadando numerosos servicios e infraestructuras.


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014