Skip to content Skip to navigation

GREGORIO ÁLVAREZ PEREIRA E O NOVO EDIFICIO

Pasou a facerse cargo do C.V.C.V. ao ser o  vicepresidente, dende o día do pasamento de Elisardo e logo foi ratificado na seguinte Asemblea Xeral

 Ata este momento se viña encargando da Área Cultural  , pero xa levaba anos traballando na parroquia en iniciativas como a do Cemiterio Particular, a Comunidade de Augas da Garrida, nas ANPAS dos colexios Igrexa e Sobreira, na Xunta Parroquial, na comisión de festas de San Campio ou sendo Alcalde de Barrio da Garrida.

Comezou a súa etapa dando continuidade as actividades e proxectos  que estaban en marcha e afrontando os retos pendentes tanto no Centro como na parroquia.

Contou dende aquela coa compaña neste labor de numerosas persoas en distintas labores directivas como foron:

Antero Rodríguez Davila, Manuel Pérez Fernández, Alvaro Valverde Alonso, Manuel Dasilva Díaz, José Vázquez Alvarez, María Isabel González Lorenzo,Teresa Ramilo Alonso, Herminia López Fraga, Adelino Alonso Rodríguez, Teodoro Davila Rial, Vanesa Silva-Fernández Vila, Rubén Darío Otero Salgueiro, Alberto Costas Barreiro, Manuel Posada González, Gonzalo Alonso Costas, Antonio  Giráldez Planes, Carlos Pérez Figueiras, Orencio Vila González, Luís Almuiña Estévez, Manuel Rodríguez Rodríguez, Dionisio Figueroa Fernández, Pablo Rodríguez Rodríguez, Enrique Parra Piñeiro, Beatriz Besada Ramilo, Esther Alonso Rial, Nieves Lorenzo Vila, Eladio Bastos Rodríguez, Mercedes Costas Costas, Carlos Monroy Cerqueira, David Quintas Alonso, Manuel Piñeiro Alvarez, Rodrigo Salgueiro Rial, Norberto Otero Pérez, Julio Guisande Alonso, Manuel Pérez Alonso, Rosa Vázquez Romay, Eugenia García Rodríguez, Ana Pérez Davila, María Davila Fernández, Alberto Villarroel Vila, José Manuel Dacosta Comesaña, Ramiro Alonso, Alfonso Pérez Quintas, Emilio Rodríguez Rodríguez.

Moitas delas xa viñan de anteriores directivas e outras fóronse incorporando como relevo daquelas que o foron deixando por diferentes circunstancias.

 

O NOVO EDIFICIO 

A pesar de que foi inaugurado oficialmente o día 27 de xullo de 2005,   debido a unha serie de deficiencias, faltaba a cafetería, as butacas do auditorio, non había mobiliario nin equipos informáticos, non comezou a actividade ata que foi re -inaugurado  ,o día 7 de xullo de 2007, nun acto organizado conxuntamente polas dúas entidades que impulsaron o proxecto.

Neste evento ocupouse todo o aforo e houbo moitas persoas que tiveron que seguilo dende os corredores.

Deron  comezo unha serie de actos, protagonizados polas actividades propias do  Centro e outras dun alto nivel artístico e popular que se desenvolveron ao longo de todo o mes de xullo.

De tódolos xeitos a actividade nas novas instalacións foi esporádica durante o ano 2007 xa que a dotación non estaba completa.

Porén xa se comezou a tirar proveito das posibilidades que ofrecía en canto a espazos logo de ter desenvolvido actos como o concerto reivindicativo, “Á luz das candeas” da Unión Musical de Valladares, para conseguir a chegada da potencia eléctrica necesaria ao Centro.

Por exemplo, as amplas dimensións do  auditorio permitiron acoller grandes eventos culturais como o Circuíto de Teatro “Vigo a Escena” e o Festival Folclórico Internacional, ambos patrocinados polo Concello de Vigo.

Tamén puidemos organizar o Festival Folclórico Interparroquial, o I Certame Escolar de Regueifas, o I Ciclo de Teatro Afeccionado “Valladares Teatral” e darlle maior relevancia ao Festival do Humor.

Houbo outros grandes actos como foron a entrega da Medalla de Ouro de Valladares a Ignacio Costas Piñeiro ou a homenaxe tributada a María Alonso Salgueiro.

Cabe mencionar tamén que o novo auditorio foi utilizado por outras entidades para levar a cabo actividades de marcado carácter social coma o Festival da Asociación “Proyecto Hombre”.

No tocante á área veciñal houbo que estar vixiantes con novos asuntos urbanísticos relativos ao Novo Hospital, aos proxectos da Cidade do Deporte, da Cidade do Frío, da Cidade Deportiva do Celta, que ocuparon moitas horas de negociación e reivindicación.

O PXOM provocou numerosos desacordos na súa redacción e na súa aprobación pola Xunta de Galiza o que levou a que a veciñanza da parroquia asistira a manifestación para que se aprobara canto antes.

Outra preocupación  importante foron as antenas de telefonía móbil, cuxa instalación ilegal, provocou, grande desgusto e tensión á veciñanza.

Nestas alturas comezouse a reivindicar un parque infantil e outro para a terceira idade nos arredores da cafetería e anunciouse o inicio das obras da piscina municipal.

Canto a noticias positivas cabe destacar que salvo pequenos detalles este foi o ano da finalización do saneamento da parroquia.

E que se aliviou en parte o problema de seguridade vial ao paso polo Polígono de A Pasaxe coa apertura dunha circunvalación.

O eido social, outro piar da actividade do Centro tamén achegou  importantes novidades.

Cabe salientar a posta en funcionamento dun proxecto innovador como o do Banco do Tempo do CVCV, que foi presentado publicamente nun acto celebrado o 19 de outubro.

Púxose en marcha un servizo longamente desexado polos pais e nais da parroquia, o ludocentro, na que os pequenos dende os 4 aos 12 anos poden aprender divertíndose.

Os rapaces un pouco máis grandiños tiveron a oportunidade de pasar un verán cheo de actividades grazas o campamento de verán que se organizou por primeira vez.

Comezaron a darse cursos de Formación Ocupacional nas dependencias da nova cociña, subvencionados pola Xunta de Galiza

No ámbito deportivo hai que salientar a inauguración do campo de herba artificial na Gándara, unha antiga petición conxunta co Clube Deportivo Valladares.

Asemade, nesta tempada, comezaron  a funcionar as categorías de base no fútbol sala e a correspondente escola na que se incluíron nenos, e por primeira vez, nenas de todas as idades.

No ano 2008  ademais de continuar coa programación das actividades comezadas houbo dúas grandes novidades.

En homenaxe ao mestre de gaitas Nazario Gonzalez “Moxenas” organizouse o I concurso de Gaitas co seu nome, no que particparon grupos de toda Galicia e que acadou un altísimo nivel interpretativo e de éxito de público.

De moita repercusión tanto a nivel local, nacional como internacional foi a celebración do Simposio Europeo escultura ao Aire Libre “Arte e Tecnoloxía”

Dende o 16 ata o 30 de agosto 8 escultores europeos estiveron a traballar nas súas creacións na explanada superior do Centro Veciñal.

Contouse con artistas procedentes de Italia, Turquía, Alemania, Francia, Estonia, Portugal, Bélxica e o artista local Remixio Davila.

A oferta cultural seguiu a medrar levaronse a cabo concertos de corais coa subvención da Xunta de Galiza, Deputación Provincial e Concello de Vigo, houbo obradoiros de Animación á lectura, sesións de contacontos, Certame de Cómic e o Festival de Danza pola Non Violencia entre outras moitas propostas.

No ano 2009 produciuse unha novidade no que respecta ao Entroido, posto que se pasou de participar no concurso de comparsas a colaborar na organización da programación dada a ampla experiencia que ten a comparsa.

No aspecto deportivo ou de lecer ao aire libre xurdiu a iniciativa conxunta coa Comunidade de Montes da Andaina. Unha marcha polos montes de Valladares para todas as persoas que lles gusta ese tipo de actividade física.

No tocante ao social a Concellería de Benestar Social do Concello de Vigo decidiu organizar o acto de fin de curso das súas actividades anuais no auditorio do Centro acadando unha asitencia masiva.

O aspecto máis triste deste ano foi o falecemento de Alvaro  Valverde Alonso (Chicho), persoa dende moitos anos atrás vencellada ao traballo parroquial.

O 2010 volveu contar coas respectivas edicións dos eventos que se puxeron en marcha dende a inauguración  e ademais ampliouse coa celebración da Festa Veciñal da Federación de Asociacións de Veciños de Vigo “Eduardo Chao”.

O Banco do Tempo entre as moitas actividades que programa deu un paso adiante importante grazas á experiencia adquirida nos tres anos que leva funcionando e organizou as “ I Xornadas dos Bancos do Tempo en Galiza”.

O crecemento contínuo e a afluencia de persoas interesadas en participar  nas múltiples actividades que se levan a cabo  deu como resultado a necesidade de reformar a antiga sede do Centro para convertila na sede da Escola de Música de Valladares  e nun prazo non moi longo nun espazo para  a actividade física cun ximnasio.

 Por outra banda foi  un ano de tristura para a asociación posto que o 17 de xuño falecía Ignacio Costas Piñeiro, o primeiro presidente.

Para rematar dicir que se está a celebrar neste ano 2011 o XL Aniversario da fundación do Centro.

Ao longo  do mesmo vanse celebrar numerosos actos para darlle a relevancia que tal efeméride require.
 

Cando abordemos o tema da Comunidade de Montes falaremos dos 500 metros de falso túnel que se acordaran facer na Sobreira, e como só se levaron a cabo 250. Os restantes quedaran para máis tarde, pero vendo a Comunidade de Montes que xa non se ía construír o que lle restaba ao túnel, decidiron asinar un Protocolo de Intencións, polo cal se comprometían a destinar eses cartos para a construcción dun novo centro veciñal.

Protocolo asinado o día 15 de setembro de 1997 por D. Emilio García Gallego, Director Xeral de Obras Públicas e Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galiza, D. Manuel Pérez Alvarez, Alcalde de Vigo, D. Andrés Muntaner Pedrosa en representación de Autoestradas de Galiza e Isidro Costas Piñeiro en nome da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Valladares


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014