Skip to content Skip to navigation

ELISARDO DACOSTA TORRES

O día 16 de abril do ano 2000 foi elixido como novo presidente Elisardo Dacosta Torres. Entre os seus colaboradores  estiveron Rudesindo Vila Abalde, Florentino Piñeiro Ramilo, José Vázquez Alvarez, Herminia López Fraga, Alberto Costas Barreiro, Aquilino Cabezas Comesaña, Lucía Salgueiro Pérez, Manuel Pérez Fernández, Juan Manuel Vila Pérez, Adelino Alonso Rodríguez, Pablo Rodríguez Rodríguez, José Comesaña Fernández, Monserrat Comesaña Alvarez e Álvaro Valverde Alonso. Con posterioridade sumáronse tamén Gregorio Álvarez Pereira, Manuel Dasilva Díaz e Antero Rodríguez Davila.

Elisardo comenzara xa a traballar para a parroquia na directiva de María Alonso, baixo o mando de Isidro Costas na Área Veciñal, como representante do barrio da Garrida. Nesta primeira etapa colaborou en temas de saneamento, de abastecemento de auga, na estrada que leva á universidade, nos acondicionamentos da estrada xeral, os últimos problemas do Parque Tecnolóxico, etc.

Xa como presidente, este home caracterizouse por intentar estructurar as liñas de actuación do C.V.C. Consolidou tódalas iniciativas que anteriormente foran instituídas e maximizou o rendemento de cada actividade ou curso, por iso se decidiu cobrar cando fose preciso para que existira unha autofinanciación dos mesmos.

Traballou, sobre todo, na Área Veciñal, xunto a Rudesindo Vila “Tito” e, nunha segunda etapa, con Manolo “Cacha” (que xa levaba contribuíndo co Centro dende que se fundara, como delegado de barrio, conserxe, conductor e, presidente das “Escolas de Fútbol” durante quince anos) e a Antero Rodríguez Davila.

Os principais problemas aos que tiveron que facer fronte foron: o segundo cinto, o Parque Tecnolóxico e as obras do sumidoiro. Nesta área buscouse a subvención privada por parte das empresas que facían algún traballo na parroquia, sempre intentando que as obras fosen algo mellores do que se planeara nun primeiro momento.

Unha preocupación de Elisardo foron sempre as infraestructuras da parroquia, por iso se afanou en pedir varias delas como a piscina e o material para arranxar o campo das Gándaras, o céspede artificial para o campo de fútbol do C.D. Valladares ou a rehabilitación da casa rectoral. Tamén loitou por conseguir melloras no Plan Xeral... Pero, sen lugar a dúbidas, o maior éxito desde presidente tivo que ver co novo local do C.V.C.V.

En materia de cultura houbo tamén importantes esforzos. De feito, traballouse moito nas montaxes das comparsas de Entroido, conseguiuse o equipamento da Ciberteca mediante un convenio coa “Fundación Esplai” de Barcelona, púxose en marcha o “Festival do Humor”, etc.

Con respecto a isto último, no ano 2000 celebrouse o Primeiro Certame do Humor, por iniciativa de Alberto Costas Barreiro, o responsable de publicidade do Centro Veciñal e Cultural, que anteriormente participara no primeiro, e único, certame que houbera no Porriño e, organizara o do C.C.R. de Beade. A idea foi sempre a de darlle a oportunidade aos artistas noveis para que puxesen a proba as súas habilidades. Co tempo intentase mellorar a calidade do festival contratando a algúns humoristas coñecidos.

Desgraciadamente, este presidente non puido rematar a súa obra, debido ao seu falecemento nun fatal accidente de automóbil ocurrido en Pontevedra, nunha data festiva para a parroquia (estábanse celebrando as Festas de San Campio) o día 30 de Agosto do ano 2005 a idade de 59 anos. Quizais unha das mellores probas do profundo respecto que sentían os demais por él, estivo no amplo número de familiares, amigos, veciños e autoridades, que o despediron.


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014