Skip to content Skip to navigation

A PRIMEIRA E ÚNICA PRESIDENTA DO C.V.C.V

María Alonso Salgueiro chegou á presidencia do Centro Veciñal e Cultural despois de ter participado noutras iniciativas. Con só dezaseis anos colaborou na directiva de Guillermo Álvarez, e aí estivo dous anos na vogalía de sanidade. Tras intervir na A.P.A. do colexio da parroquia, entrou a formar parte da xunta de Teodoro Piñeiro como representante de dito centro. Con Delio Guisande xa como presidente na súa segunda etapa foi a encargada en varias áreas, como a de sanidade, a de cultura ou a da muller.

O día 29 de abril do ano 1994, comezou como presidenta con un dilatado repertorio de axudantes como foron: Marcelino Salgueiro Piñeiro, Rosana Ramilo Comesaña, Óscar Piñeiro Alonso, Isidro Costas Piñeiro, Orencio Ramilo Comesaña, Carlos González Davila, Herminia López Fraga, Elisardo Dacosta Torres, Cristina Vila Quintas, Paz Fernández Troncoso, Rudesindo Vila Abalde, Carlos Alonso Piñeiro, Manuel Pérez Fernández, Begoña Bastos Covelo, Charo Couto Domínguez, Antonio Correa Gato, Luis Arenaz, Agustín Fernández, Carlos Comesaña Vila e Victorino Martínez Alonso.

Como primeira presidenta muller do C.V.C.V., María Alonso veuse obrigada a cumprir moi ben o seu traballo, dado que non podía fallarlle á xente que a apoiara na súa candidatura, ademais de ter que demostrar que unha muller podía ser tan boa presidenta coma un home. 

María Alonso fixo que as diferentes áreas tivesen peso propio e tomasen as súas propias decisións. A presidenta realmente cumpría o papel de coordinar tódalas vogalías existentes. 

No momento en que se empezou a traballar en grupos máis pequenos, e que non había que agardar pola aprobación de ninguén, a situación volveuse moito máis sinxela e o nivel de actividade puido incrementarse con axilidade nos procesos.

Durante estes anos a actividade da muller no centro foise incrementando, non en relación aos cursos, pois a eles xa asistían con anterioridade, senón no relativo ás decisións e á vida social da parroquia. Con María Alonso como presidenta, as mulleres comezaron a ir á cafetería do centro e, a ocupar certos espacios nos que con anterioridade non entraban. Creou entón unha asociación de mulleres “Pedra da Vella” que intentaba agrupalas e organizar actividades para as mesmas, así como darlles asesoramento xurídico, social, sanitario e laboral.

Neste tempo viña funcionado no centro a Asociación de Mulleres Rurais “O Alba”, quizais por diferenzas de prantexamentos e criterios, houbo un distanciamento entre directivas e terminaron por abandonar as instalacións do CVCV.

Tamén foi fundada a asociación de maiores “NEVOX” que continuou co programa anterior que consistía en organizar numerosas saídas e cursiños aos que estes puidesen optar.

Por mor dunha crise entre Isidro Piñeiro Pérez e a Directiva da Comunidade de Montes, o primeiro dimitiu do seu cargo de Xestor.

Cando foi proposto para desempeñar o cargo, apuntou sen ataduras de ningún tipo que se sometera a valoración e se experimentara durante uns meses, primeiro porque ía ser un cargo remunerado que requería unha serie de horas diarias de adicación e exclusividade e segundo porque podía non ser a persoa idónea..., o que ía para uns meses foi para uns anos, naqueles intres existían dificultades no CVCV e quizais se volcara eu demasía en aguantar o chaparrón, e iste feito creou certo tipo de recelos en algúns directivos de Montes. Como Xestor tivo o placet dos Presidentes respectivos/as do CVCV e non da Comunidade de Montes. Sendo Presidente da Comunidade de Montes, tivo a mesma percepción que tiveron os demais Presidentes e Xuntas Rectoras respecto a esta figura...¡Que contradiccións verdade! Esperemos que no futuro inmediato teñamos a sensatez de encauzar as funcións que debe desempeñar.

Despois dalgún tempo se sacou esta praza a concurso público e, con vintenove anos, Carlos Alonso Piñeiro acada este posto, no que traballa para a Comunidade de Montes e o Centro Veciñal e Cultural.

Dende entón e soamente cun breve paréntese en que estivo afastado do cargo, foron numerosas as iniciativas de tipo cultural que Carlos puxo en marcha.

Así, durante algún tempo, sacouse unha nova revista: “O Galo Choco”, que coordinou Emilio Martínez Iglesias, pero que tamén acabou desaparecendo prematuramente.

Quizais unha das proposicións máis destacadas que puso en marcha, foi o “Revoltallo de Música Emerxente”. Creouse no ano 1993 e, durante os seis primeiros anos foi  o seu responsable, aínda que logo, continuouse facendo cos esforzos de “Xuntanza Xuvenil”, entre os que se contan Breogán, Rubén, Diego Quintas, Suevia, Raquel, Sergio, Felipe... Entre unha e outras organizacións hai bastantes diferencias de método pero en calquera caso séguense as principais liñas.

Os presupostos cos que se contaba sempre foron moi baixos en relación a outros festivais. Por este motivo o que se tentou foi buscar grupos que non cobrasen demasiado e que non tivesen opcións a tocar noutros festivais. Presentouse como un modo de dar saída a novos estilos e bandas emerxentes

O festival foi pensado en inicio como unha acampada, aínda que esta nunca tivo demasiada aceptación. Por este motivo, se dispuxeron varias actividades, entre as que destaca o “Ciberrevoltallo”, para ocupar o tempo no que non había concertos.

Durante algúns anos, o “Revoltallo” non foi o único festival que se celebrou na parroquia, pois estivo tamén o “Freixo Rock”. Neste último, o estilo de música foi máis duro, os seus creadores e organizadores traballaron moito para poder traer algúns grupos con moita sona, pero finalmente acabaron esgotándoselles as forzas e deixouse de organizar, do que falaremos máis adiante.

Un ano despois do nacemento do “Revoltallo” púxose en marcha o “Certame de Regueifas”. O primeiro ano traballouse de xeito conxunto coa fundación Alexandre Bóveda da Coruña. Despois, o encargado de organizalo todo foi o Centro Veciñal e Cultural.

Debido á dificultade que ten a recuperación da improvisación oral de Galicia, creouse  a asociación cultural ORAL (Oralidade, Rima, Arte e Lingua) de Galicia, da que foi Presidenta María Alonso Salgueiro, sendo o Presidente actual Carlos Alonso Piñeiro.

Dende entón, e coa excepción de dous anos nos que non se celebrou, é outro dos acontecementos máis orixinais que se celebran non só na parroquia, senón no Concello.

No ano 1994, naceu o grupo de folk Retrincos, para animar a “Festa do socio” no Centro Cultural de Valladares. Ante a boa acollida do grupo decidiuse a formación permanente deste grupo. Como o seu nome indica, “Retrincos” é unha formación que se nutre das diversas actividades musicais que compoñen o Centro Veciñal e Cultural. É pois, a mestura das voces da coral, xunto con compoñentes dun grupo de música tradicional galega, con corda, percusión, vento, etc. En 1996, este grupo sacou ao mercado unha gravación titulada “O Son da Sega”. 

En deporte, o máis novidoso foi a popularización da patinaxe. Sendo Delio presidente xa se deran os primeiros pasos na configuración do “Clube de Patinaxe” da man de María, pero a súa creación definitiva deuse cando ela xa era presidenta do C.V.C.V., sendo por tanto a Primeira Presidenta do Clube de Patinaxe. Primeiro fixéronse as escolas de patinaxe, e a continuación o “Clube de Patinaxe”, que aínda que se nutre das escolas dependentes do Centro Veciñal e Cultural, é independente do mesmo. A partir do segundo ano pasou a ser o mellor de Galiza ata a actualidade.

Actuación das Escolas de Patinaxe Artística.

Foi nesta etapa cando se comezou coa ampliación na instalación do colector que xa se iniciara na etapa de Isidro Barreiro Quintas sendo responsable da Area Veciñal na directiva de Delio. Neste aspecto destacou o traballo de Isidro Costas e os delegados de barrio que coordinaba él na Área Veciñal. Os planos traian moitas ramificacións pequenas, o que facía que o orzamento fose insuficiente para cubrir toda a parroquia. Por este motivo, Isidro deseñou un novo trazado, valéndose dos seus amplos coñecementos da xeografía da parroquia. Co novo esbozo quedaron instaladas todas as liñas xerais do sumidoiro.

Suliñar que o primeiro colector que se fixo na parroquia foi o do Teleclube ao río das Furnas pasando polo Covelo.

Na área veciñal, ademais do xa mencionado do colector, houbo varios problemas importantes aos que lles facer fronte. O primeiro deles foi o do Parque Tecnolóxico. Aínda que a venda dos terreos nos que se ía situar fora configurada e levada a cabo na época de Delio, había un amplo sector dos veciños que estaban preocupados polo que se ía montar alí realmente.

O Parque Tecnolóxico en teoría definíase como de Investigación, Desarrollo e Innovación (I+D+i) pero co paso do tempo, non deixa de ser un novo Polígono Industrial puro e duro e as promesas iniciais de melloras para as parroquias nas que está instalado foron difuminándose.

Desapareceu a Carretera da Moscaveira e como compensación dentro do propio perímetro do Parque se ia a acondicionar unha zoa de ocio para o barrio da Sobreira. Co cambio de Delegado da Zoa Franca, nas xuntanzas tidas con él, negou que iste feito fose certo e que non constaba nada escrito ao respecto.

Outro dos problemas foi o do trazado do segundo cinto que foi paralizado dende o Centro. Conseguiuse un cambio do trazado, aínda que o actual non é o que pretendían dende a directiva.

Deberíase decir tamén que houbo unha proposta formulada dende a parroquia de perforar o monte Sobreiro dende os niveis baixos da casa de Argimiro ata a vagoada da primeira casa de Ito e  outra no lateral (ladeira norte)do mesmo monte. Ambas non perxudicaban a ningunha casa e técnicamente eran tan viables como o trazado final.

Pero quizais o problema máis importante pola súa gravidade foi o do peche do vertedoiro do Zondal, que tivo no medio tamén un importante conflicto. Houbo unha resposta esaxerada por parte da policía, que cargou contra a protesta pacífica que se deu. Houbo veciños que padeceron secuelas durante algún tempo despois desta desorbitada resposta policial.

 

A historia do Zondal é necesario escribilo con pelos e sinais dende o seu inicio. Estamos a principios do ano 2011 e aínda non coñecemos a súa actual situación despois da cantidade de cartos da Comunidade Europea invertidos na súa recuperación. Suliñar que a metade aproximada dos terreos do Zondal son propiedade da Comunidade de Montes de Valladares. É necesario transcribir íntegramente o contido do Pleno Municipal e os acordos acadados cos veciños, incumpríndose éstes reiteradamente.

O documento di o seguinte: Na Casa Consistorial da cidade de Vigo, a once de setembro de mil novecentos noventa e un:

 

 

 

REUNIDOS:

Dunha parte Carlos González Principe, Alcalde Presidente do Excmo. Concello de Vigo, actuando en nome e representación do mesmo.

Doutra parte Manuel Hermida Rodríguez e Rafael Alonso Davila en representación da Asociación de Veciños de Freixo;  Orencio Ramilo Comesaña e Eugenio Fernández Davila en representación da Xunta de Montes en Man Común e Delio Guisande Alonso e Isidro Barreiro Quintas en representación do Centro Veciñal e Cultural de Valladares.

 

Ambalas dúas partes recoñécense competencia e capacidade respectivamente, para formaliza-lo seguinte convenio.

 

Autoriza este documento José Ramón Rodríguez Sabugo Fernández, Secretario da Corporación, de conformidade co art. 113 do Real Decreto Lexislativo 781/1986 de 18 de abril.

ANTECEDENTES:

 

O Pleno deste Concello, en sesión celebrada o día 12 de xullo de 1991, acordou aproba-lo seguinte convenio coa Asociación de Veciños de Valladares.

 

Das 21 condicións recollidas no documento, faremos referencia a 7.- Unha vez producida a clausura e o selado da zoa afectada, o Concello porá en marcha un proxecto de investimento destinado á recuperación deses terreos de acordo cos usos decididos polos veciños, seguindo o proxecto técnico que decida a comisión de seguimento.

 

Ningún membro da Corporación Municipal nos derradeiros anos, se leva dirixido a ningún representante parroquial para clarificar a actual situación deste entorno. Parece ser que a única alternativa que nos queda é a de entablar unha reclamación xudicial. ¿Ata cando esta parroquia ten que seguir aportando terreo gratis a cidade de Vigo a cambio de nada?

 

Dende a época de Picher como Alcalde, o Zondal foi un punto permanente de conflicto, pasou exactamente e mesmo con Soto de Alcalde e fóronse tranpeando as cousas ata o conflicto das detencións. Non se pode obviar que sendo María Alonso Salgueiro Presidenta do C.V.C.V Isidro Costas Piñeiro Presidente da Comunidade de Montes de Valladares, Carlos Alberto González Príncipe, Alcalde da cidade de Vigo e Dona Dolores Villarino Santiso Tenente de Alcalde, ocorreron aqueles feitos. Naquelas datas Dolores Villarino (Expresidenta do Parlamento galego, exercía de Alcaldesa en funcións) sendo a que deu a orde ao Subdelegado do Goberno de carga aos Corpos e Forzas de Seguridade do estado. Aquelas datas están gravadas na chepa de varios veciños e veciñas.

Na carga policial mención especial a Tere Ramilo a que lle deron cunha pelota na cara, a Saladina Novoa cunha pelota no peito, e a detención de Fran Torres, Manuel Ucha e Elisardo Dacosta.

Pouco antes de rematar o seu mandato, a presidenta estivo coordinando as festas de San Campio. Nos estatutos destas celebracións está recollido que en ausencia de Comisión, o Centro Veciñal e Cultural farase cargo da organización das mesmas. Foi a única vez que ocorreu isto. María encargouse de buscar unha serie de persoas que non tiñan nada que ver coa Xunta Directiva para que as nosas festas parroquiais quedaran sen celebrarse.

Estivo como presidenta seis anos, e logo marchou como secretaria do Alcalde Lois Pérez Castrillo, por espazo de dous anos.

Dato destacable desta muller foi o de que sendo Alcalde de Vigo Manuel Pérez Alvarez, dende o día da Reconquista do ano 1999 é Viguesa Distinguida.


Centro Veciñal e Cultural de Valladares - Copyright © 2014